Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta anuncia a celebración da terceira edición do Encontro Mocidade na cidade da Coruña


— Terá lugar no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña durante o 23 e o 26 de marzo e acollerá a 400 persoas

— O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de marzo na páxina web de xuventude.xunta.es

— Ofrecerase un amplo programa de actividades entre as que se atopan charlas de profesionais, obradoiros, formacións, espazos networking e actuacións musicais, entre outros

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou esta mañá a celebración da terceira edición do encontro Mocidade, que terá lugar entre o 23 e o 26 de marzo no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da cidade da Coruña. Fíxoo durante unha visita ao albergue xuvenil de Marina Española, en Bergondo, que será unha das instalacións habilitadas para aloxar aos participantes.

Esta terceira edición ofrecerá un amplo programa de actividades, 100% gratuítas, como charlas de profesionais, obradoiros, formacións, espazos de networking e actuacións musicais, entre outras. Tamén se inclúe o transporte e o aloxamento no Complexo As Mariñas. En total, ofértanse 400 prazas, das que 300 están dirixidas a mozos de entre 18 e 30 anos e outras 100 prazas están destinadas a persoal técnico do sector do ocio educativo e do tempo libre. A conselleira lembrou que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de marzo na páxina web de xuventude.xunta.es.

Fabiola García sinalou que o obxectivo da Xunta de Galicia é ampliar a oferta de ocio e tempo libre destinada á mocidade galega durante todos os meses do ano. Neste sentido, o Goberno galego impulsa iniciativas como Primavera e Outono Xove, actividades nos diferentes espazos xoves da comunidade e tamén está a levar actividades a unha trintena de localidades de toda Galicia con motivo do Día da Xuventude.